Friday 26 de April de 2024

A Xunta apoia o proxecto do xeodestino da Ría de Muros e Noia para optar aos fondos dos plans de sustentabilidade turística en destino


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación da iniciativa promovida pola Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría Muros-Noia que integra aos concellos de Muros, Noia, Lousame, Porto do Son e Outes do xeodestino

― Trátase dun dos nove proxectos que os técnicos da Xunta e o Goberno central consideraron aptos para optar a través destes plans aos 14,6M€ dos fondos europeos Next Generation asignados a Galicia para o desenvolvemento turístico do litoral

― Alfonso Rueda destacou que a sustentabilidade tamén é a base da folla de ruta da Xunta para deseñar o modelo do turismo galego

― Lembrou que a aposta por un turismo seguro, de calidade e sostible e respectuoso co medio ambiente que cada vez demandan máis os turistas trala pandemia converteu a Galicia nun destino de moda cunha recuperación turística 25 puntos por riba da media estatal en comparación coas cifras de 2019

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu hoxe á presentación do proxecto promovido pola Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia para a mellora da competitividade do turismo no xeodestino desta ría, que integra aos concellos de Muros, Noia, Lousame, Porto do Son e Outes.

A iniciativa presentada por esta entidade foi unha das 9 consideradas aptas polos técnicos da Xunta e o Goberno central para optar aos fondos destinados ao Plan do Litoral no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSDT). O Plan do Litoral suporá un investimento total de case 30 millóns, dos que o 50% estará destinado a estes Plans de Sustentabilidade presentados por entidades locais e o outro 50% ás tres Accións de Cohesión en Destino desenvolvidas desde a Xunta.

No caso dos PSTD permitirán reforzar Galicia como destino seguro e sostible a través dos 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation asignados á comunidade galega para o desenvolvemento de accións no litoral, como a ría de Muros e Noia.

Alfonso Rueda lembrou que os nove proxectos cumprían cos requisitos esixidos pola Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo, isto é, transición verde e sustentable, eficiencia enerxética, transición dixital, calidade e vocación turística do destino, ademais do carácter litoral do plan.

A proposta Novos modelos para a competitividade turística na ría de Muros-Noia da ADR Muros-Noia aliñase pretende facer deste xeodestino un destino sustentable e competitivo potenciando recursos moi vinculados ás tradicións da zona como o turismo industrial nas minas de San Finx, o turismo mariñeiro ou o cultural. Ademais, fomentaranse novos produtos que, ao igual que os anteriores, axuden a desestacionalizar e diferenciar a oferta turística centrados na gastronomía, o turismo activo aproveitando as condicións da ría para a práctica deportiva, así como a divulgación do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia.

Tamén se ampliará a rede de miradoiros co obxectivo de poñer en valor as rutas de sendeirismo dos concellos do xeodestino e crearase unha senda litoral entre eles.

Alfonso Rueda destacou que estes proxectos recibirán a inxección económica que precisan para contribuír a enxalzar o turismo tranquilo en contacto coa natureza e respectuoso coa contorna que Galicia xa ofrecería e que converteu á comunidade en destino de moda este verán cunha recuperación turística 25 puntos por riba da media estatal, sendo a segunda autonomía con maior recuperación da demanda de noites e a terceira en número de viaxeiros respecto a 2019.

Así, engadiu que esa aposta por un turismo seguro, de calidade e sostible son os piares da folla de ruta do Goberno galego para deseñar o modelo de turismo do futuro no marco do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, tendo en conta que son tamén os valores que buscan os turistas á hora de viaxar e que se viron reforzados debido á crise sanitaria.